sábado, 27 de diciembre de 2008

A ética na política


Dixo José Bono que criticar á clase política era socavar o sistema democrático. A min paréceme que as toupas contra o goberno do pobo (iso é democracia ben entendida) son os políticos en xeral. Xa non digamos os que votan e aceptan subirse o soldo, con crise ou sin ela, ou os que cobran unha pensión cando xa non están no machito. Tamén socavan o edificio do sistema os deputados que non a rascan, un supoñer a terceira parte das Cortes e non sei cantos do noso Parlamento. Ao meu xuízo, socavan o crédito das institucións os que seguen actuando de merendiñas a pesar de pertencer a un goberno que eu cría de esquerdas pero no que ainda hai altos cargos sin sentido da ética e da austeridade, que pasan facturas de comidas pantagruélicas como as de gobernos anteriores ou máis cargadas de bombo. A min paréceme indecente que no actual
goberno haxa máis asesores que nos tempos de Fraga, e que en Cuba se dilapidaran impunemente os cartos públicos. Eu coidei que coa esquerda chegarían os comportamentos éticos e que, para faenar votos, non sería necesario manter a festa anual da terceira idade, nin multiplicar ese tipo de actos ata poñérmonos vermellos. Iluso de min, nunca crin que o presidente do meu país chegaría a aceptar un coche a proba de misís, que vale unha fortuna cuio pago nos deshonra a todos e que leva unha blindaxe fora de lugar. E, por riba, cecais agora mesmo algún dos aludidos esté tentado de socavar a libertade de expresión. Tal vez por todo iso, eu nunca puiden votar.

domingo, 21 de diciembre de 2008

Honda (?): con dous collóns!


Anda rulando por internet un suposto spot de Honda –se non é vero, é ben trovato– que só podo reputalo de valente e valoroso. Dura 36 segundos (http://www.youtube.com/watch?v=QDSdWqQocMo), está en inglés, e reproduce un mitin do incendiario Hassan Nasrralah, visionario líder do Partido de Dios (Hezbollah) que, berrando como o animaliño que é, dilles textualmente aos centos de miles de borregos que ten como público: “Israel é o noso inimigo. É unha entidade ilegal e agresiva que non ten futuro entre nós”. Iracundo, ameazador e moi pagado do seu Alá, atrona cun “¡Morte a Israel!” que repiten os milleiros de amantes da Alianza das Civilizacións que militan nas ringleiras deste líder terrorista. O spot, que o que pretende é vender un modelo de automóbil eléctrico e a gasóleo, remata cos eslóganes “Menos combustible. Menos diñeiro para terrorismo. Cámbia a un carro híbrido”. A primeira mensaxe é un recado para que iste flamíxero incitador ao xenocidio deixe de botar leña ao lume. A segunda, que co seu coche gastaremos menos carburante. A terceira, que o terrorismo yihadista –o de Nasrralah entre outros– fornécese a base de petrodólares. E a cuarta, a modo de corolario, que si deixamos de depender do cru, cortaremos a vía de financiamento destes coitadiños pacifistas. Un spot algo iluso, pero xenial. E eu, que queren que lles diga, estou tan dacordo con Honda como cos ameazados Salman Rushdie e Flemming Rose, redactor xefe do periódico danés Jyllands-Posten, o das viñetas de Mahoma.


sábado, 13 de diciembre de 2008

Pis e independencia

O País vasco acabará sendo independente como calquera país africano que se precie. Eso sí, con menos sangue e, quizabes, con moito menos dereito. Pero que o conseguirá non o dubiden. E cando aconteza, que lle diremos aos fillos, pais, noivas, irmáns e amigos das vítimas inútiles que morreron por nada e para nada? Supoño que lles recitaremos a vella palinodia de cando os gardas civís morrían tentando descolgar ikurriñas –ilegais ata antonte– de postes de alta tensión. Desde aquela, a loita pola liberación de Euskal Herria suma preto de mil vidas, moitas de galegos. 40 anos despois do primeiro atentado, o obxectivo destes pistoleiros que consideran a España unha potencia ocupante, é o mesmo. Iso sí, hai catro décadas eran uns utópicos e hoxe fanlle o traballo sucio ao nacionalismo no seu propósito independentista. As veces estes bandoleiros –Iriondo non foi o primeiro– méxanse por eles, e siguen sendo terroristas. Porque aparte de hienas que se refocilan na traxedia das súas vítimas e rir diante das cámaras, estes gudaris de todo a cen –nada descubro– son covardes. Pero, vaia, para o choio que fan estes desalmados tanto valen eventualmente mexados como, alternativamente, lixados de sangue inocente. Ikurriñas, ikastolas, herriko tabernas, kale borroka, DNI vasco non son máis ca chanzos dunha escada á soberanía. Teñen a maioría de votos, os empresarios saben e aceptan o que custa pasar por caixa, así que alguen lle cambie os pañais ao carniceiro e que dunha puta vez remate o pesadelo.


jueves, 11 de diciembre de 2008

Fico en débeda

Medalla Pedro Ernesto



FICO EN DEBEDA *

Cando eu tiña non máis de 8 ou 9 anos, empecei a coleccionar selos de correos. Nas aldeas dos meus pais en Verín atoparía, entre familiares e amigos, os meus principais fornecedores das estampiñas da correspondencia. Estou a falar do ano 1963 e entón a emigración decimaba a poboación como si fora unha peste. Moi pronto xuntei tantos selos de Brasil e Arxentina como de España. Dos brasileiros lembro sobre todo un da visita de Dwight Eisenhower a aquel país en 1960, e outro de 1964 in memoriam John Fitzerald Kennedy. Pero o que me puxo en contacto real co Brasil foi un de 1969 no que se equiparaba aos meus herois daquela, os astronautas Armstrong, Collins e Aldrin con un tal Santos Dumont. O selo reproducía na metade esquerda un debuxo do mentado Santos coa Tour Eiffel por tras, e na metade dereita o alunizaxe da nave Apolo. Souben entón que o tal Santos era un aviador e inventor brasileiro, máis importante que os irmaos Wright, ata o ponto de que podía considerarse non só un precursor senón mesmo o pai da aviación. Aqueles selos –os selos en xeral- eran realmente unha fonte de información que non podía nin imaxinar. Na galería de retratos que recollía unha serie filatélica incompleta aparecían, entre outros, ilustres persoeiros como o Duque de Caxias; o naturalista e descubridor do que hoxe é o litio, Jose Bonifacio de Andrada; ou o portugués D. Pedro I, o chamado “Rei soldado”, que foi tamén o primeiro emperador do Brasil.

A emigración, pois, –como non podía ser menos- foi o fío que, dende a nenez e deste xeito, me puxo en contacto cun país que no meu imaxinario sempre estivo enguedellado nas brumas míticas dos territorios insondables e inalcanzables. E a emigración volveu ser o catalizador para que 20 anos despois, en 1986, topara de bruces cun carioca universal que, ao mesmo tempo, ven sendo un galego excepcional. Naturalmente, ese galego de Buxán de Cícere, fillo adoptivo e carioca honorario de Río de Janeiro, para quen “Vivir é un acto de permanente intercambio e donaciòn”, non é outro que Manolo Rieiro Romar quen, polo demais hónranos hoxe a todos coa súa presenza.

Frecuentar dende entón a amizade de quen tamén conta coa Orde de Isabel a Católica, concedida polo Rey Juan Carlos, foi para min maxisterio abondo como para manter e ampliar os meus vencellos culturais, musicais e sentimentais cun paìs (o Brasil), cunha cidade (Río) que agora me quere recoñecer méritos dos que sen dúbida carezo.

Non considero como tales ter difundido, como xornalista que son, a súa cultura, a súa música inmorrente, o seu turismo ou a súa gastronomía. Por iso acredito que máis que mérito é privilexio ter coñecido a Nélida Piñón; participado na súa homenaxe logo de ser investida doutora honoris causa pola Universidade de Santiago, ou entablado en 1999 as primeiras xestións e negociacións para que o concello natal dos seus pais, o de Cotobade, a nomeara filla adoptiva.

A súa “República dos soños”, obra mestra da literatura universal -por certo que mal traducida ao español; mellor lela en portugués ou en galego, na miña modesta opinión- é un vademécum do emigrante no que se nos recorda constantemente que o trunfo na vida non pode limitarse á acumulación de ouro e poder.

E así foi que, tal vez tratando de emular á ista grande muller –a primeira en presidir a Academia Brasileira das Letras, e que mesmo foi nominada como candidata ao Nobel de Literatura-, tratando de facer, digo, unha achega literaria da emigración, decidín convertirme no biógrafo do omnipresente Manolo Rieiro. E neses traballos me collen os outorgadores da medalla Pedro Ernesto, coa que hoxe me sinto tan abrumado.

Tampouco considero un mérito que me faga acreedor desta distinción ter colaborado no enaltecemento da bossa nova, esa aportación definitiva do Brasil á historia inmorrente da música, que algúns quixemos eternizar na natureza poética de Pedras Cobreiras, hai agora seis anos. Dende aquela, ese monte de Santa Comba cría árbores e poesías. Nel nacen os cogumelos e enraizan as esculturas. Ate o vento susurra os poemas e as partituras de Vinicius de Moraes, de Tom Jobin e de Baden Powell, pero tamén de Chico Buarque, Toquinho, Joao Gilberto… Alí medra o musgo e a pátina do tempo sobre os ferros do “Cumio do misterio”, a escultura de Garmendia na que está representada a pluma de Vinicius, a corchea negra saindo das mans de Tom Jobin, que se xuntan no espazo, creando un novo e cadencioso ritmo que impregna de beleza á garota de Ipanema…

Quen por aquela fraga deambule poderá escoitar a Vinicius dicir “Ah, miña amada de ollos ateos… Hei de morrer, de amar máis do que puiden” e poderá ler a placa do Memorial de Añoranzas onde se da fe da sintonía planetaria entre os tres citados pais da bossa nova e o lugar de Pedras Cobreiras. Un punto xeodésico para este novo xeito de facer música sin deixar de filosofar. É sabido que para os seguidores da bossa nova, convencidos de que este movimento axudou ao pobo brasileiro a ser feliz, “a esperanza sigue a ser un ben gratuito e sempre será mellor o amor co escepticismo”.

Algúns dos protagonistas dese movimento musical, nomeadamente Vinicius, forman parte do cadro “No templo da cultura brasileira”. Pero tamén levitan no óleo outros persoeiros como Juscelino Kubitscheck de Oliveira, o presidente bossa nova, todo un primeiro mandatario constitucional da república quen, co eslogan de “50 anos de progreso en 5 anos de goberno”, levou ó país a modernidade e foi quen de fundar a impactante e espectacular capital Brasilia. Pois ben, cecais con esta distinción que hoxe se me entrega, os meus amigos brasileiros queiran agradecer que coas miñas limitadas habelencias convencera ao seu propietario de que donara esta obra de arte á Fundación Cravo Albin de Río.

O lenzo, pintado por Eurico Abreu, retrata no mítico restaurante “Antonio´s”, -que durante tres décadas rexentou o noso ilustre paisano Rieiro Romar, dono da obra artística-, retrata, digo, ademais de aos citados Vinicius e Kubitscheck, a outras celebridades. Así, por alí pululan, beben, polemizan e discuten, o pintor e caricaturista Di Cavalcanti, contemporáneo e amigo de Picasso, Matisse ou F. Braque; o crítico musical Lucio Rangel, quen presentara a Vinicius e a Tom Jobin; ou a actiz Leila Diniz, que alborotou a todo o país exhibíndose en bikini, e grávida de seis meses, en agosto de 1971.

Contan as crónicas que antes dela, en 1915, a inesquencible bailarina americana Isadora Duncan sería a primeira en pasear desnuda e danzar na praia de Ipanema. Logo, en 1936, outra precursora da liberación da muller, a xudia alemana Miriam Etz escandalizaría á sociedade brasileira pousando co primeiro dous pezas (que por certo era de lan) que se viu en Sudamérica.

Na modesta opinión de quen lles fala, o cadro debe voltar a Brasil porque alí é un icono dun valor sentimental incalculable, por non falar do seu valor histórico cultural. Se algún mérito me queren atribuir a min por empuxar ao seu propietario no exercicio da xenerosidade, disciplina na que ten demostrado ser un campeón, pregúntome como o compensarán a él por desprenderse da obra que tanto ama. Sexa cal sexa o premio –e ise sí que será ben merecido- conto con sabelo para coroar debidamente a súa biografía

Estou rematando. Falaba hai un pouco dunha xudía que fuxira da Alemania nazi en 1936 para poñerse o primeiro bikini nas praias cariocas. E mencionei a Juscelino Kubitscheck, sin decir entón que era fillo dunha xudía checa. Chegados a este punto teño que salientar que me sinto moi orgulloso de que o povo de Río de Janeiro valorara o meu modesto labor a prol dos xudeos, porque sei que alì son ben queridos. Non en van, 145 anos despois de seren expulsados de España, os xudeos chegaron ao Brasil e fundaron en Recife, no estado de Pernambuco a primeira sinagoga de América. E, na actualidade, a vereadora de Río, Theresa Bergher, e o seu compañeiro o deputado Gerson Bergher –lanzado á política polo fundador de Israel, David Ben Gurión- son exemplos do agarimo e aprezo de que goza a comunidade xudaica daquela cidade. Por non falar do presidente Lula da Silva, sempre atento ás efemérides máis importantes dos hebreos, para suscribir textos como o que acaba de asinar estes días e que di textualmente: “Quero transmitir a todos voçés a admiraçao que me causa o ejercicio de reflexao empreendido pelos judeos ate o Yom Kippur. Avaliar o proprio comportamento, pedir perdao pelos erros, renovar os compromissos de ser solidário e fazer justiça, tudo isso tem um profundo significado ético e nos ajuda a ser pessoas cada vez melhores”. Con estas palabras de tan alto dignatario, ben me podo sentir abenzoado no meu labor como secretario xeral da Asociación Galega de Amizade con Israel, tanto polos meus bemfeitores aquí presentes como polo povo brasileiro a quen representa o seu presidente.

--o0o--

Esquecía dicirlles que hai agora 10 anos, o 6 de outubro de 1998, a Cámara Municipal de Río de Janeiro aprobou unha moción na que se recollía textualmente “o cariño e a admiraciòn do povo carioca” pola traxectoria profesional e cultural de quen lles fala. Vese que son reincidentes.

Moito obrigado pela distinçao. Saudaçoes carinhosas para a cidade de Río. Os meus melhores cumprimentos para a gran familia carioca. Fico en débeda con voçes, meus caros amigos. Con sentimento.

* (Texto do discurso pronunciado por Miguel Boó en Santa Comba, o 24 de outubro de 2008, co gallo da entrega da Medalla Pedro Ernesto de Río de Janeiro)