viernes, 31 de agosto de 2007

"La Correspondencia Gallega" e o desastre do 98.


" No ano de 1898, do antigo Imperio español, aquel tan extenso que no seu territorio nunca chegaba a poñerse sol, so quedaban Cuba, Puerto Rico, Filipinas e varios arquipélagos da Micronesia. Trinta anos antes xa estalara a primeira revolta importante na Gran Antilla cubana, onde os rebeldes lles plantaron cara ás tropas españolas durante dez anos, nunha confrontación que remataría coa paz de Zanjón. O armisticio saltaría polos aires cunha nova insurrección, a de 1895, que lideraría José Martí -creador, en 1892 nos do Partido Revolucionario Cubano- e que contaría, xa de inicio. con apoio estadounidense. Entre medias, en 1892, e tamén co concurso dos americanos, que operaban dende Hong Kong, produciuse o alzamento dos naturais das Illas Filipinas, con Emilio Aguinaldo á cabeza.

En ambos os escenarios a loita foi encarnizada, pero en Cuba o exército optou pola guerrilla e por métodos que hoxe serían considerados como terrorismo: voladuras de trens de pasaxeiros, matanzas de propietarios de térras, arrase de colleitas e rábanos, imposto revolucionario... Para contrarrestar a ofensiva local o xeneral Valeriano Weyler, gobernador español da illa, decidiu aplicar unha ferrea política que afogara a resistencia. Concentrou a poboación civil en zonas ou poboados controlados para illar as partidas pero a fame apoderouse dos labregos reconcentrados e o Goberno dos EE.UU. atopou nisto e na escusa de defender os intereses e as facendas dos seus cidadáns unha motivación para intervir militarmente. De feito, a aquelas alturas o capital americano xa era moi superior ao nativo e ao español, en negocios coma o azucreiro, no que o magnate Edward Atkins era o rei.

Facendo oídos xordos as ameazas da gran potencia, o Goberno liberal de Sagasta, que decidirá relevar a Weyler e concederlles a autonomía os cubanos para tratar de debilitar a insurrección, acabaría por aceptar que a concesión non solucionaba o conflito e chegaría a enviar máis de 200.000 soldados.Nos tres anos de conflagración produciríanse máis de 55.000 mortos, dos que só dous milleiros o foron en acto de guerra. Os demais morrerían polas enfermidades contraídas no trópico, entre outras razóns porque as nosas forzas carecían de medios materiais, dos alimentos necesarios e da atención médica axeitada.

Era, todo o mundo o sabía, unha guerra perdida de antemán ate o extremo de que os EE.UU. non precisaban tan sequera de combater para gañala. Con seguir protexendo e armando os insurrectos tiñan abondo. Como comentaba un cronista inglés da época "no han podi­do ustedes vencer con 200.000 hombres a los separatistas solos y ahora los quieren ustedes [derrotar] acompañados". Outra cousa era que, a pesar de todo, decidirán entrar en batalla...
Pódese dicir, daquela, que a guerra hispano-norteamericans innecesaria se se quere, desenvolveuse nun curto espazo de tempo; tivo dúas frontes e constou de catro episodios. O primeiro foi o afundimento do acorazado estadounidense "Maine" no porto da Habana; que causou case 300 mortos e que serviu de pretexto e detonante do conflito armado. O segundo, a batalla de Cavite coa conseguinte destrución da flota española nas Filipinas. O terceiro foi a batalla de Santiago de Cuba, coa perda da Armada que mandaba o almirante Cervera, e o cuarto, o asedio e rendición de Manila.

Pois ben, mantendo os conflitos coloniais de fináis do século X como fío condutor, a presente obra pretende descubrirlle ao lector - despois dunha pequena, pero, cremos que necesaria, aproximación introdutoria sobre o nacemento e contidos do diario a analizar- reviravoltas da información que, das guerras de Cuba e de Filipinas recibiron os pontevedreses a través do xornal La Correspondencia Gallega.

Unha información que dende a perspectiva actual seguramente habería que tildar de insuficiente, pero que pon de relevo moreas de datos, anécdotas, informes e polémicas de todo punto novidosas e probablemente nunca publicadas en ningún libro.

Polo demais, o texto -froito dun ano de documentación, pescudas, contraste, rastrexo e cotexo- estruturouse de tal xeito que, amáis "do diario das operacións de guerra", ofrece capítulos con vida propia no que se debullan os fenómenos do patrioterismo, o enfermizo interese por toda a liturxia militar, o papel desempeñado pola prensa, ou fenómenos do rexionalismo e a "xeración do 98".

Nuturalmente compre ter en conta que o traballo, máis xornalístico que histórico, non está exento, porén, de contrastes historiográficos realizados polo autor para cubrir baleiros -as hemerotecas non dispoñen de toda a colección de La Correspondencia Gallega e do mesmo 1898 faltan aproximadamente unha ducia de exemplares e outras follas soltas-, reforzar exposicións ou teorías, cotexar hipóteses ou facer máis amena a lectura.

Con ese espirito, pois, de achegarlles os lectores de hoxe en día unha moi particular e pontevedresa visión do "Desastre do 98", foi concibida esta obra que, ao mesmo tempo, quere ser unha homenaxe a todos os mozos galegos que caeron absurdamente na fronte, ao mesmo tempo que se derrubaba o vello Imperio español.

Moitos dos seus nomes e apelidos apareceron nas páxinas de La Correspondencia Gallega como último tributo de recoñecemento e condolencia".

Editado polo Servizo de Publicacións da Deputación de Pontevedra.