miércoles, 29 de abril de 2009

Aldeias históricas de Portugal: Bem haja!

Unha viaxe ás aldeas históricas de Portugal é un exercicio de mergullo en historias medievais, unha clase práctica coa poesía dos penedos e unha pelerinaxe muda pola arte popular dos nosos irmans lusitanos.

Moi recentemente baixei a estes pobos, algúns empoleirados nas terras da Serra da Estrela e outros nas provincias de Guarda e Castelo Branco. Alí levita a vila hexagonal de Almeida, coa súa fortaleza, o seu torno para recibir aos nenos expósitos abandonados no século XVI. A Almeida das casamatas onde se refuxiaba a poboación nas guerras do XIX, antesdonte. A Almeida do Hospital de Sangue do Picadeiro.

Moi preto, sobre un penedo granítico, e a case 800 metros de altitude, dormita Castelo Mendo, con unha das picotas máis fermosas nunha zona plagada desta reminiscencia medieval que servía para prender (cando non axusticiar) aos penados e expoñélos ao escanio público. O Castelo Mendo que mima as ruinas da Igrexa de santa María do Castelo…

Linhares, outros dos enclaves visitados, é a aldea das fiestras manuelinas, do Fórum, onde se facían os xuizos, do castelo, a fonte de San Caetano, a Casa do Xudeo e o solar da Corte Real. Linhares é o pobo das vivendas que nacen dos penedos graníticos, a que ten o regueiro ao pe do castelo, e aquela onde o silencio camiña canda ti. Din que ten corazón de paxaro porque os amigos do parapente teñen os seus ollos postos nela.

Sortelha, na arraiana Sabugal, ten unha fortaleza alá no alto, inexpugnable e deshabitada. E ten moradas feiticeiras con nomes como “Casa das almas” ou “Casa do vento que soa”. E presume, faltaría máis, da súa picota ou “pelourinho”, impoñente e altivo, coroado por un blasón de cinco recunchos e esfera anelada de arte manuelino. Sortelha, sempre impresionante co seu torreón, a súa calzada medieval e a súa torre das campás.

E de remate de viaxe, Idanha-a-velha, onde no seu río Pónsul, rememorei o que foron as poldras dos ríos cando non había pontes para pasalos, como no Támega ao seu paso polo Tamaguelos (Verín) dos meus país. Idanha, Monumento Nacional, coas ruinas da Sé Catedral e o torreón templario facendo garda, e o lagar de varas onde se exprime o aceite.

E de guinda o insuperable Monsanto coa súa Torre do Reloxio ou de Lucano, a Gruta, ou o Castelo no fin dunha subida interminable, para poder disfrutar, a 750 mettros de altura, da Porta da Traizón e ás sùas vistas ao pasado. O Monsanto coa capela de San Miguel rodeada de tumbas excavadas na rocha e cunhas panorámicas incomparables se miramos a poniente.

¡Canto gostei da viaxe e das súas xentes!. Así que como din por alí, en troques de obrigado: Bem haja!


2 comentarios:

  1. Moi bo e muito bonito. Tenho que ir lá cando disponha dun bocadinho de tempo.
    David

    ResponderEliminar