sábado, 14 de febrero de 2009

O galego, a ‘biblia’ e os afiliados autistas


A principio dos pasados anos 90 tiven a honra de dirixir o desaparecido Diario 16 de Galicia, un periódico verdadeiramente plural que acaso chegou a ter certa sona, non só pola súa insobornable liña informativa que non deixaba títere con cabeza, dende o PP ao BNG, senón quizais porque foi o primeiro en publicar ata o 30% da súa información en galego. O xornal tamén agasallou aos seus lectores cos 100 títulos da súa Biblioteca de Autores Galegos e coas láminas dos lendarios álbumes de Castelao, entre outras iniciativas das que entón se adoitaban para facer país.
Que a moitos lectores lles costara ler en galego e preferiran mercar outra cabeceira era algo habitual. O que baixo ningún concepto considerei entón de recibo foi que destacados membros da Mesa pola Normalizaciòn Lingüística, que se desfacían en louvanzas cara a aquel diario que apostaba polo galego, mercaran “El País”. Comprobeino personalmente e fixen ben sonora a miña protesta. Pero como si chovera. O xornal acabou pechando, entre outras cousas gracias a que nin a militancia galego-falante o mercaba. Preferían “a biblia” de Polanco.
O semanario A Nosa Terra, o diario Galicia Hoxe e agora o Xornal de Galicia sobreviven como poden, e non precisamente gracias a que os defensores do noso idioma rasquen o seu peto no quiosco. Si soamente o 5% dos 300.000 votantes do BNG mercara unha desas cabeceiras estarían contribuindo á súa solvencia e, ao mesmo tempo, axudarían ao mantemento do noso idioma. Ainda máis, só con que os afiliados do BNG mercaran todos estes anos o antedito semanario, xa abondaría para a mítica revista viguesa. Non digamos nada de si o noso Xornal –que pasa por ser unha cabeceira de esquerdas- o mercaran o 5% dos votantes do bipartito. Mandaría carallo!
Pero lamentablemente, a xente fala de boquilla, defende o idioma coa pancarta e despois na intimidade acaba “falando catalán” como o outro; lendo o Marca ou levitando co País. E ainda menos mal, porque outros retrasados acaban de conseguir hai sete días que moita xente de a pé, que nada tiña contra o galego, agora o consideren un idioma de violentos, porque uns fachas de todo a cen o “defenderon” a botellazos. ¡Vaia favor que lle fixeron ao galego estes descerebrados (quero pensar que só era cousa deles)!.
Publicado en Xornal de Galicia - 15.02.09

5 comentarios:

  1. E porque carallo o feito de falar unha lingua ou defender a súa superivencia ou normalización me crea a obriga moral de consumir un produto, que quizais sexa inferior en canto á calidade que outro que está en castelán?????, eu no caso de ter tido recursos económicos e vontade de mercar un diario nese momento (era moi novo), e vendo como está agora o panorama xornalístico apostaría de seguro por El país ou La vanguardia, porque a pesar de ser publicado en castellano, e desde unha óptica madrileña, tratan de maneira máis extensa e profunda os contidos internacionais e europeos, cousa que me interesa bastante, e que xusto é unha cousa da que adoecen os xornais galegos.

    Os galegofalantes por moi ideoloxizados ou comprometidos que estemos co idioma, non temos porque apoiar cegamente un produto polo simple feito de ser en galego (e ollo que eu o diario 16 nin sei como era, que era moi novo daquela!)

    ResponderEliminar
  2. Exacto Sayid, tu habla lo que quieras y compra lo que quieras.
    Puedes hablar castellano y querer tambien al gallego y a Galicia, o puedes hablar gallego y no quererle. Si eres buen gallego y le quieres a Galicia, le deberias querer a los dos idiomas y hablar lo que te pete. Para unos el centro del universo es la Biblia, para otros el Coran y para otros el gallego

    ResponderEliminar
  3. O xornal "Diario 16 Galicia" foi dende logo todo un referente no deserto xornalístico-galeguista das últimas décadas até a chegada do "Xornal De Galicia", cáseque máis de 20 anos de errar ( no máis amplo senso da palabra ) no deserto independente xornalístico.

    Concordo có señor Boo de que moitas veces a autoproclamada militáncia nacionalista-galeguista ( perigosa dualidade ésta e posuidora de múltiples e duales significáncias... ) é crítica e mesmo pailana á hora de apoiar e defender proxectos xornalísticos que pagan a pena, e dende logo o "Diario 16 Galicia" foi unha desas gozosas excepcións de liberdade xornalística que aconteceron neste País, un xornal que tiña un espírito independente, autocrítico e defensor dos intereses galegos e sobor de todo, de grande calidade, mesmo poderíamos calificar o estilo do devandito xornal, en termos culturais, coma de "educativos" ou concienciadores, isto é, dar a oportunidade, ofrecer a moita xente a posibilidade de ter acceso á cultura galega nas mais variadas artes ( literatura, pintura, ensaio ) cando na maioría dos casos era totalmente descoñecida ou escasamente valorada.

    Por iso é mesmo traxicómico ou risíbel, que eses "defensores nacionais" da cultura galega, universal e sen ataduras, coma ben dí o señor Boo, moitas veces den ás costas a proxectos tan innovadores e vangardistas ( por suposto sempre e cando a calidade sexa a máxima garantía, coma era no caso do "Diario 16 Galicia" ), e opten finalmente por mercar subproductos foráneos, ou o que é pior, pseudo-galegos, que ó pouco que se lles rañe, amosan as suas verdadeiras e espúreas intencións partidistas e de comenéncia, e dende logo non fai falta ollar moi lonxe ou ser moi iluso pra saber na Galiza de qué carecen as cabeceiras máis importantes galegas xornalísticas... ( ulas as editoriais até a chegada de "Xornal De Galicia"? ).

    Sexamos entón consecuentes e defendamos, aledémonos dese grande ben que é unha prensa independente galega de calidade, sen ataduras, nen debedora de subvencións espúreas e comprometida có País, por iso mesmo é despois de tantos anos e proxectos truncados, é un grande pracer, poder ter a opción de mercar cada día o "Xornal De Galicia", aire fresco de inverno neste País tan carente e necesitado de independéncia xornalística.

    Herr Graf Ferdinand Von Galitzien
    http://ferdinandvongalitzien.blogspot.com/

    ResponderEliminar
  4. En realidade, no texto publicado no Xornal de Galicia, desapareceron algunhas liñas como: "O semanario A Nosa Terra, o diario Galicia Hoxe e agora o Xornal de Galicia sobreviven como poden, e non precisamente gracias a que os defensores do noso idioma rasquen o seu peto no quiosco" e tamén "Non digamos nada de si o noso Xornal –que pasa por ser unha cabeceira de esquerdas- o mercaran o 5% dos votantes do bipartito. Mandaría carallo!".
    .

    ResponderEliminar
  5. Concordo plenamente co artigo. Parabéns.

    ResponderEliminar