Gústame a Cidade da Cultura

Por que será que Reixa falaba tan ben da Cidade do Cultura hai un ano, e no programa do Follonero, "Salvados" , da Sexta, hai menos de dous meses, a puña podre dediante de toda España?

Coraxe. Xa se pode visitar o estado actual das obras da controvertida Cidade da Cultura anotándose nunhas solicitadísimas visitas guiadas. Despois dunha desas vistas, escribo estas liñas.
Durante os séculos peores, máis negativos e ruíns da historia de Galicia foise construíndo, en camadas sucesivas, a fabulosa Catedral de Compostela. Contemplando agora a beleza do edificio, non é que un se reconcilie con esa historia de negación do país, pero pódese chegar a pensar que aínda ben que cando menos nos quedou este extraordinario patrimonio arquitectónico. Visto o avance construtivo actual (e o resultado) da Cidade da Cultura, penso que deberiamos aplicar ese mesmo razoamento revestido de autoestima a unha iniciativa ( a do complexo do Gaiás), sen dúbida, xeneticamente tinxida de megalomanía. Gústame a Cidade da Cultura. Sei que esta opinión vén resultar polémica, pero permítaseme argumentar.
O resultado arquitectónico é espectacular e dunha beleza impresionante. Ao organicismo exterior e ben integrado no entorno, hai que sumar un acabado interior de liñas torturadas e impactantes. Diría que xa só o coñecemento do edificio, aínda que estivese baleiro, xustifica a visita da xente de Galicia e do turismo internacional. Ao mesmo tempo, hai que sinalar unha racionalización do tamaño e ritmos do proxecto. Dous edificios aínda non construídos están aprazados con compromiso de terminación, pero con calendarios indefinidos. A crise e o redimensionamento imprescindible mandan.
Nas previsións actuais de contidos xa se ubican o Arquivo e a Biblioteca. Por certo, nese espazo para uns dous millóns de libros deberá haber sen dúbida unha destacada presenza da obra de Agustín Fernández Paz que, coa súa renuncia a un premio da Xunta, vén de blindar a nosa dignidade cultural (un traballador ilustre da lingua non podía ser alleo ás restricións lexislativas ­actuais que negativizan o desenvolvemento da súa materia prima). Nas previsións futuras contémplanse a restauración da memoria da Galicia emigrante en códigos de diversidade cultural, un grande teatro modular e outro centro, que esperemos que acolla infrarestruturas para a nosa industria cultural, nomeadamente as vinculadas á creación. Serán dunha centralidade absoluta os criterios que se deben esixir con rigor para as decisións de contidos do complexo.
Nas últimas semanas, padecemos a insoportable violación da aconfesionalidade do estado coa visita do Papa. É vital que Compostela e Galicia asuman con convición a construción e uso desta catedral laica e civil. Non pode haber maior cohesión da cidadanía galega e universal que a especial espiritualidade derivada da arte.
Melancolía. Tamén nestes días, contemplamos por televisión a beleza dos interiores da Sagrada Familia de Barcelona. Un edificio xenial arquitectonicamente pero froito evidente das convicións ultracatólicas de Gaudí. A ninguén se lle ocorriría negativizar a súa lenta terminación. Incorporemos con autoestima e orgullo crítico a Cidade da Cultura ao noso patrimonio nacional (nacional de Galicia, claro).

Comentarios

Entradas populares de este blog

Non ao pensamento único sobre Gaza

Por que deixei de escribir no Xornal de Galicia

Hamás, asasina de palestinos